ARANTXA TORIZA.

Patroa de Altura. Viveiro, Lugo.

Se unha coñece a Arantxa, o primeiro que percibe é a súa franqueza, logo a súa simpatía. Gáñate dende o minuto un cando che di, cun brillo especial nos ollos, que lle encanta a pesca. Así, sen máis rodeos.

Destacan moitos aspectos nela, pero quizais caiba sinalar a seguridade que transmite. Esa autoesixencia que destaca en si mesma unida ó feito de que nunca se dera por vencida en cumprir o seu soño de traballar a bordo dun pesqueiro, son características que sen dúbida convencen da súa valía como persoa e como profesional. É unha Brava do Mar, iso é innegable.

Ri ó recordar que comezou a estudar na escola náutica coa idea de traballar en pasaxe, e como tan só uns meses despois xa tiña clarísimo que a súa vocación era a pesca.

A frustración que se percibe nela ó contar os obstáculos que atopou tras rematar a súa formación para poder embarcar nun pesqueiro é grande. Dende ter que facer as prácticas do curso nun remolcador porque ningún armador a quería enrolar, ata pasar tres anos nos portos da súa zona, Celeiro e Burela, buscando unha empresa que se decidise a darlle unha oportunidade.

Pero a súa insistencia finalmente deu froito, e conseguiu un posto a bordo dun pincheiro de Gran Sol, onde estivo bastante tempo faenando en augas inglesas e irlandesas con palangre de fondo.

Di arrepentirse de non ter saído antes da súa zona e arriscarse a explorar outros caladoiros e outras artes de pesca. Non foi ata 2018 cando, a través do proxecto REDMAR de FUNDAMAR, atopou outras oportunidades laborais que lle abriron as portas a un mundo totalmente descoñecido para ela como o son Malvinas e NAFO, onde se pesca con arrastre de fondo a moitos quilómetros da casa.

Agora que xa é unha muller experimentada no sector, estuda para acadar o título de capitana de pesca antes de que chegue o verán de 2020, no Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico en Vigo. Aprendizaxe continua. A bordo e en terra. Muller incansable. Recoñecida pola súa labor alí onde estiver.

O que máis lle gusta da súa profesión é poder coñecer novos lugares e persoas, e aprender de diferentes culturas. O enriquecemento persoal. Ademais, coma todas as Bravas do Mar, destaca a importancia do traballo en equipo: “nun barco todas e todos somos importantes. Se un ou unha falla, todo se derruba”.

Cre que a súa condición de muller aporta prudencia e mellora a convivencia a bordo, xa que así llo teñen referido os seus compañeiros. Tamén cre que esta mesma condición é a que obstaculizou durante tanto tempo que lle desen a súa primeira oportunidade. A pesca é un mundo maioritariamente de homes, e a bordo éo case de maneira exclusiva.

Para Arantxa, o futuro da pesca pasa por cambiar a percepción histórica que se ten dela: dunha profesión dura e de risco á que se acudía por necesidade pero non por vocación, á dunha profesión digna que pode e debería ser vocacional ou polo menos elixida.

Remarca sentirse orgullosa de telo conseguido, e non é para menos, por si mesma e para si mesma. Non por todas as mulleres, non se cre tan importante, se non por ela. Non se sente precursora de nada, pero, con todo, éo. De feito aínda que non sexa consciente, si que foi por todas. Brava.