Por Lucía Martinez Otero, de 6º de primario do CEIP Serra Vincios

Nunha pequena vila mariñeira vivía Lúa, unha nena valente, alegre e moi inqueda. Pasaba as tardes xogando na praia e axudando á súa nai a coser redes. Moitas veces tamén axudaba ó seu pai a descargar as nasas cando volvía de faenar coa súa pequena chalupa.

A Lúa gustáballe o traballo de redeira da súa nai, arranxando as redes coas que os mariñeiros poderían sair a pescar. Pero traballaba horas e horas e gañaba moi pouco. Ela soñaba con ser algún día capitana dun barco.

Pasados os anos, ese soño cumpriuse a bordo do barco Coral. Contaba cunha tripulación formada por dez mulleres, fortes e traballadoras, e unha foca que axudaba a localizar os bancos de peixe alá onde ían.

Un día, Lúa decidiu ir pescar ao gran mar Arrecife, onde poderían atopar grandes bancos de peixe que se estaba esgotando nas zonas onde acostumaban pescar.

Cando chegaron a aquelas augas, a foca non tardou en atopar os peixes, e a tripulación botou as redes e as nasas. Cada vez collían máis peixes e de gran tamaño. Fixeran unha boa xornada. Xa co barco cargado, regresaron á súa vila.

Cando xa lles faltaba pouco para avistar o porto, sorprendeunas unha terrible tormenta , que engulía lentamente o barco. Lúa, ante esta situación, a piques de caer pola borda, botou as áncoras ata que se amarraron fortemente nunha rocha. Resistiron milagrosamente como puideron. Cando por fin a tormenta amainou, achicaron auga e conseguiron chegar ao seu destino sans e salvas.

Todos na vila recoñeceron a valentía de Lúa, a gran capitana, e mandaron construír unha estatua de pedra en honra á súa fazaña.

Share This