Por Martín Ares Novas, de 6º de primaria do CEIP Serra de Vincios.

Vane é unha muller que naceu aos pés do Monte Galiñeiro, e é unha brava como a súa nai, que foi a que abriu a peixaría familiar que hoxe se chama “O noso mar”, e que ela leva na actualidade. Dende pequena xa viviu entre mexillóns, linguados, fanecas, chinchos, e cariocas, o mesmo que agora lle pasa ás súas xemelgas, Cíes e Onza.

O seu home tiña que gardar repouso por unha enfermidade na columna vertebral, o que facía que cada mañá ás catro en punto soara o seu espertador. A esa hora Vanesa collía a súa furgoneta para marchar a Vigo, ao Berbés, onde compraba peixe que máis tarde ía vender aos seus clientes. Ás veces quedaba a falar un pouco cunhas amigas, Ledicia a bateeira, Rosalía a redeira e Emilia a pescantina. Todas elas lle contaban as súas historias.

Ledicia tiña que ir tódolos días á súa batea mirar as cordas e parrillar o mexillón. En cambio Rosalía ese día tiña que marchar moi rápido para arranxar as redes porque as tiña que ter listas ás oito e media para un barco que ía cara o Gran Sol. Emilia, algunhas veces tiña as mans negras, porque ademais de ser unha gran pescantina tamén sabía arranxar os motores das dornas.

As tres tiñan algo en común, encantáballes escribir. Ledicia escribiu unha historia dunha cociñeira defunta, Emilia uns contos sobre uns pazos que lle lía aos seus fillos pola noite, e Rosalía sobre uns homes que ían emigrar á Habana cruzando enteiro o mar bravo.

Pero estas conversas non duraban moito, porque Vane tiña o tempo xusto para volver á súa peixaría e colocar o peixe e o xeo nos expositores, e unha vez feito isto debía marchar rapidamente para casa a preparar ás súas xemelgas para que foran á escola. Cando as pequenas xa estaban na escola tiña que regresar á peixaría para vender.

Para ela todos os días eran iguais, chovera ou fixera sol, sempre para arriba e para abaixo para ter o seu peixe listo ás nove. E todo o malo que lle pasara, como as horas que lle roubaba ao sono, as mans agretadas de tanto limpar peixe e toda esa bravura chegada desde o mar, non lle impedían mostrar un gran sorriso aos seus clientes.

Polas tardes esas mans de peixeira convertíanse en mans dunha gran costureira que facían traxes galegos como os de gaiteiro e de baile. Tamén ía ensaiar co seu grupo de pandereteiras e de baile galego, o que indica que Vanesa era una amante das súas tradicións, do mar e da música tradicional.

O seu home, Tambo, un gran gaiteiro e compositor fíxolle dúas fermosas cantigas, a “Muñeira de Vane” e a “Rumba Peixeira“, que no seu retrouso dicía:

“Saio de maña,

eu vou pescar,

coa miña barca,

no medio do mar.

Unha anguía e un pinto,

uhna maragota, un xurel,

luras e xardiñas, bolos,

e choquiños da ría tamén”.

E así pasaban os días Vanesa, que con todo o esforzo que facía polas mañás, erguéndose cando todos aínda durmían nas súas casas, sempre tiña ao seu barrio contento co mellor peixe do mundo. Todos os veciños a querían moito e valoraban o seu esforzo, e cando era o seu aniversario sempre lle aparecían na peixaría cun doce de agasallo para celebralo. Así que Vanesa, a pesar de durmir pouco e traballar moito, era unha muller moi feliz que amaba o mar e á que lle gustaba sentarse no alto do Galiñeiro a mirar a ría que lle axudaba a vivir.

E ata aquí a historia da nosa Brava do Mar Vanesa, unha muller incrible e amante das tradicións que todos os días loitaba para sacar adiante á súa fermosa familia.

Share This