BERTA PAZ

Redeira e armadora. Aguiño, A Coruña.

As redeiras son esas mulleres invisibilizadas pola pesca e que porén son engrenaxe esencial para o funcionamento do sector, sobre todo da flota de cerco.

Encargadas de manter os aparellos utilizados para pescar en perfectas condicións, cosendo con dedicación as roturas infrinxidas durante a captura dos manxares mariños que chegan ó teu prato cada día, as duras condicións de traballo deixan un trazo ben visible nos seus corpos.

Berta chegou a esta profesión por vocación, pero tamén por necesidade. Con catorce anos decidiu aportar o seu gran de area na economía familiar e comezou a coser panos de rede xunto a outras mulleres. Cando o conta non se percibe nela ningún arrepentimento, se non máis ben o orgullo de ter atopado ben nova o seu lugar no mundo.

A afouteza é parte tamén das Bravas do Mar, e en Berta percíbese esa cualidade cando nos describe o seu labor. Destaca que durante anos as redeiras tiñan que levar a cabo o seu oficio á intemperie, sentadas no chan e sen máis apoio cós seus propios corpos. As condicións melloraron recentemente no seu porto de traballo, xa que agora posúen unha nave resgardada e bancos onde sentar adaptados ó tipo de labores que executan.

Non obstante, a amargura enche a súa voz ó contarnos como esta labor tamén supuxo para ela e outras compañeiras unha serie de doenzas de orixe ósea e muscular propias da súa profesión, debidas nunha gran parte a esas condicións duras xa descritas.

Berta é Brava do Mar por partida dobre, xa que actualmente é copropietaria dun barco de cerco xunto ó seu marido. Ela e dúas mulleres máis son as encargadas da reparación dos aparellos deste barco. Di que valora moito o traballo en equipo porque permite unha organización mellor das tarefas, unha optimización de tempos e sobre todo sororidade en épocas duras.

Cando fala sobre os fallos cometidos e como aprendeu deles, un sorriso vén á súa boca, recordando como nos tempos mozos tiraba de forza bruta para desenvolver moitas labores, simplemente por orgullo ó non querer pedir axuda ós homes. Di que agora non o fai, e se volvese atrás non repetiría esa actitude, xa que o equipo o forman todas e todos.

O que máis valora do seu traballo é a independencia económica que lle permite ter na vida, e cre que como muller, aporta ó sector tranquilidade. “Os homes son máis temperamentais e ante as adversidades tenden a responder de forma impetuosa. Nós, con paciencia e sobre todo experiencia de anos, facémoslles ver que todo pode ter solución e conseguimos que se calmen”, conta. Recoñece que ás veces esta parte é a máis difícil de ser muller no sector, porque simplemente pola súa condición de muller nun sector masculinizado poden chegar a non valorarte debidamente como profesional.

Como armadora ademais de redeira, cre que o futuro do sector pasa por conseguir cotas xustas e ben repartidas para cada embarcación, así como mellores condicións na venda que permitan que os produtos pesqueiros se valoren debidamente.