NÉLIA PERÉZ

Investigadora xubilada. Ramiráns, Ourense.

É moi difícil entender pesca sen investigación pesqueira, xa que a avaliación dos recursos e do ecosistema é vital para manter a actividade económica de calquera sector primario, e máis neste caso, onde os océanos son medios de difícil estudo.

Nélida irradia sabedoría. Nos seus xestos deixa entrever a persoa inqueda e dinámica que é, aspectos que reflectiu na súa carreira profesional como investigadora durante trinta e sete anos.

Póñenselle ollos de soñadora cando relata como xurdiu ese interese polo mar, sendo unha meniña de tres anos que emigraba a América do Sur nun barco chamado MONTSERRAT. Di que aí debeu de comezar a súa obsesión, xa que non concibía unha vida lonxe del.

Volveu a España a estudar, a onde seus pais a enviaron para cursar Bioloxía en Madrid. Pero alí nin había mar nin había peixes, así que ó rematar volveu a Galicia. Comezou a traballar no intermareal como bolseira non remunerada, e cando as antigas caixas de aforro ofertaron bolsas para o Instituto Español de Oceanografía, solicitounas e concedéronlle unha para estudar a bioloxía pesqueira de diferentes especies. Nesa época empezaron a desenvolverse dentro do centro os equipos de investigación de asesoramento pesqueiro á administración, a onde a destinaron definitivamente para avaliar recursos demersais da área atlántica.

Di que tivo moita sorte ó conseguir a bolsa, pois iso abriulle as portas do seu mundo desexado. Un mundo que consistía nun reto continuo de aprendizaxe, xa que todo estaba por facer e a superación era moi satisfactoria.

Ó mesmo tempo recoñece que foi moi duro debido á esixencia, pois a carreira de Bioloxía era moi académica e memorística, co cal non te preparaba realmente para traballar. Supoñía moito esforzo enfrontarte ó día a día porque a incerteza desbordaba por falta de formación.

Sumadas a estas dificultades de formación e á ausencia dunha estrutura de apoio para o traballo, estaba a rixidez das estruturas existentes que non permitían evolucionar. Ademais, non había comunicación entre equipos e había unha carencia total de definición de obxectivos. As mesmas persoas tiñan que recoller mostras, dirixir proxectos, avaliar recursos e acudir a foros pesqueiros como asesores, o que implicaba que non se podían especializar en nada.

De ser muller investigadora a principios dos anos setenta destaca sobre todo que eran poucas. Dentro do equipo non se percibía discriminación en si mesma, pero sobre todo ó principio eran un ser raro ó que non lle permitían integrarse de todo. O peor, comenta, era o trato nos buques oceanográficos, onde desprezaban ás mulleres, que tiñan que demostrar ser mellores no seu traballo ca os homes e ás que non se lles permitía cometer erros.

Segundo as súas palabras, “o equipo é fundamental, se non nada funciona”. De feito ó ser preguntada pola súa aportación dentro do instituto, di que ela soa non aportou nada, sempre foi o equipo. Ela aportou ideas e traballo dentro del, pero sen o resto non tería sentido.

Séntese orgullosa de ter conseguido que algunhas empresas do sector chegasen a entender que sen un recurso forte o futuro da pesca non sería posible, pero tamén é consciente de que os cambios de mentalidade na pesca son lentos.

Brava do Mar, nunca deixou de loitar por conseguir realizar o seu traballo con éxito, moitas veces cun sacrificio persoal moi alto, sobre todo polas horas de traballo extra, o que supuña unha renuncia a máis tempo coa familia.

Todas as carencias no sistema de investigación que Nélida narrou eran para ela o maior risco na súa profesión, pois mantíñana sempre en estado de alerta coa sensación de estar ó borde de non dar abasto, de poder fracasar. Isto foi así durante moito tempo, ata que comezou a traballar cos descartes pesqueiros. Nese momento formou grupo con outras dúas compañeiras, e a seguridade no que facía permitiulle desenvolverse de forma totalmente satisfactoria.

Para un sector pesqueiro con futuro cre imprescindible que o Estado defina que quere para a pesca, que os organismos de investigación leven a cabo os obxectivos que se definan e que se forme para isto unha estrutura forte pero flexible que permita evolucionar.