YOLANDA POUSADA

Encargada de lonxa de OPROMAR. Bueu, Pontevedra.

As Organizacións de Produtores, entidades representativas do sector da pesca en Europa, desenvolven diferentes tarefas para as empresas armadoras que as compoñen. Yolanda forma parte de OPROMAR e dentro desta entidade desenvolve labores relacionadas coa comercialización de peixe.

De mirada bondadosa, toda aquela persoa que fale con ela uns minutos entenderá como se fixo un oco neste sector masculinizado. Esa bondade abriu as portas onde logo a súa perseveranza e dedicación fixeron o resto.

No seu relato ten unha especial mención para a súa familia, de tradición mariñeira, onde a pesca sempre estivo presente, plantando un xerme que, tras cursar formación enfocada ó sector alimentario, deu froito e rematou con ela dedicando a súa vida á descarga e venda de produtos pesqueiros.

Esta Brava do Mar séntese totalmente realizada no seu traballo, onde non atopa monotonía debido sobre todo a exercer unha parte do mesmo na lonxa, en contacto con moita xente e nun microcosmos especial onde os haxa.

O resto da súa xornada laboral transcorre na oficina, cun traballo máis ben administrativo, pero onde igualmente se sente valorada por superiores e empresas armadoras. Alí ten que estar en contacto tamén con parte da administración debido ó soporte que presta en canto a recomendacións para cubrir o Diario Electrónico de A Bordo, e na verificación da entrega das notas de venda a quen proceda.

Recoñece que a peor parte é a madruga necesaria para levar a cabo parte das súas tarefas, o que fai difícil certa conciliación familiar, pero a parte positiva pesa máis.

Está convencida de que a visión da muller na comercialización sempre foi tida en conta, xa que historicamente elas sempre estiveron presentes nesta pata do sector.

Cre firmemente no traballo en equipo, destacando que cada compoñente aporta as súas habilidades e esforzo indispensables para conseguir que todo funcione correctamente.

A seguridade que transmite á hora de falar da súa profesión deixa clara que está cómoda coas tarefas que realiza, onde a necesaria actualización continua de coñecementos parece ser un incentivo máis para ela.

Di non ter asumido riscos na súa vida laboral, mais a simple confianza que o sector ten no seu labor parece indicar que non é necesario neste caso para o recoñecemento dunha carreira de éxito.

Conta que a maior dificultade á que se enfrontou no seu traballo foi no momento de implementar novas tecnoloxías a uns traballadores que non tiñan formación para usalas, mais para ela o futuro do sector pasa por introducilas en todos os chanzos da cadea de produción e comercialización de peixe. Cre firmemente que toda evolución e mellora no sector debe ir da man da tecnoloxía, para o cal o sector deberá adaptarse de forma axeitada.