ENCARNA SOAGE
Armadora de OPROMAR. Bueu, Pontevedra.
Encarna pasa gran parte dos seus días na lonxa, ou quizais sería máis correcto dicir das súas noites. Encárgase de recibir a mercancía do seu barco, controlar a súa descarga e a súa venda, e despois verificar que os trámites administrativos seguen o seu curso.
Recoñece que lle gusta moito o que fai, sobre todo porque a mantén afastada da monotonía. Todos os días son diferentes para ela e pese ó gran número de horas nocturnas que lle dedica, séntese feliz de facelo.
É unha Brava do Mar, xa que aínda que cada vez son máis mulleres as que están á fronte de empresas pesqueiras nos traballos de terra, o seu comezo non foi tan doado. Segunda de cinco irmáns e única muller, naceu no seo dunha familia mariñeira, pois seu pai tiña un barco pequeno de pesca e súa nai encargábase da venda das capturas.
Cando ela e seus irmáns medraron, cada un colleu un posto de traballo co que aportar o seu gran de area na empresa familiar. Naquel momento unha muller a bordo non era común, polo que optou por estudar para formarse na xestión administrativa.
Comezou moi nova no sector. Recorda que a chamaban “nena” e que tivo que facerse respectar por ser xove e por ser muller nun sector de homes. Así e todo, agora sente que ten o seu oco e séntese apreciada polos seus compañeiros.
Cre que a muller en si mesma non aporta nada diferente ó sector, pero si que suma e é parte importante deste, e non concibe o traballo como algo individual na súa empresa, convencida de que un bo equipo é garantía de éxito en calquera faceta da vida.
Xa estaba á fronte da empresa cando decidiron arriscar nunha nova construción de embarcación que lles permitise modernizarse e realizar unha actividade pesqueira mellorada. Recórdao coma unha época de incerteza, sobre todo porque as capturas non estaban no seu mellor momento. Con todo, sempre creu que era unha inversión necesaria, e está convencida de que a superación no día a día é primordial para prosperar.
O seu maior logro, e dio cun sorriso ben amplo, é ter conseguido que a empresa siga a flote a pesar das adversidades ocorridas e dos riscos acometidos.
Para ela, o futuro do sector pasa por conseguir atraer a persoal cualificado para traballar a bordo, demostrando que as condicións nos barcos melloraron moito nos últimos anos, e tamén por conseguir cotas máis favorables para afrontar o futuro con seguridade, o que axudaría a xestionar sen tantas incertezas e podendo asumir riscos que permitirían ó sector seguir evolucionando.