JUANA PARADA

Xerente de ORPAGU. Ribeira, A Coruña.

As Organizacións de Produtores, coma OPROMAR ou ORPAGU, son entidades que engloban diferentes empresas armadoras que posúen barcos de pesca. Os seus labores son variados, dende a representación da súa flota ante organismos pesqueiros nacionais e internacionais ata a innovación e modernización do sector.

Juana leva en ORPAGU moitos anos, pero se ben veu ó mundo en familia de mariñeiros, a súa orientación educativa estivo máis relacionada co mundo empresarial no ámbito da administración, contabilidade e xestión de recursos humanos. A casualidade quixo que acabase profesionalmente nesta organización, xa que foi a través dun anuncio no periódico como soubo que buscaban alguén que se ocupase de recursos humanos e xestionase as tripulacións dos barcos asociados.

Comezou nese ámbito, pero a súa xuventude, unida ó seu carácter de Brava do Mar, propiciou que destacase e fose adquirindo novas competencias ata que chegou á xerencia da entidade, sempre coa confianza plena dos armadores ós que representa.

A súa mirada brilla cando explica que lle encanta o que fai, que é unha afortunada por traballar onde traballa, sen monotonía, con retos constantes, e que lle permite coñecer moita xente e aprender cada día. É consciente de que é un traballo esixente, que implica estar ó día en moitos ámbitos, xa que a pesca vese afectada por moitas vertentes, dende a lexislativa ata a biolóxica, pasando pola política ou a sanitaria, e a satisfacción de levalo a cabo lese na súa cara.

Recoñece que naceu no momento axeitado para que ser muller non fose un problema á hora de ascender na súa profesión, xa que en xeracións anteriores seguramente non sucedería. Aínda así, os comezos foron se non duros, si incómodos, sendo a única muller en moitas das reunións ás que acudía. Pero grazas ó feito de representar a un colectivo forte que confiou plenamente nela, sente que hoxe ten un lugar. Non obstante, ten ese lugar grazas ó seu esforzo e á súa bravura.

É consciente tamén da importancia do traballo en equipo e asegura  que “non hai líderes bos se non hai un bo equipo detrás”.

Como muller sente que ten unha vantaxe competitiva, xa que historicamente elas asumían a xestión da casa, da familia, do traballo e das súas vidas facendo unha xestión multidisciplinar simultánea que agora poden aplicar no ámbito laboral, e está convencida de que a eles lles custa máis.

O seu maior logro foi que ORPAGU pasase de ser unha mera xestora de barcos e empresas a ser unha entidade innovadora que abriu portas sen explorar antes, coma a comercialización ou a creación de novos produtos.

Juana, ou Juani, como a coñecen todas e todos, ten dous mantras: “o que non arrisca non avanza” e “se es conservador non te equivocas, pero tampouco te aventuras a que saia ben”. Por suposto, é das que pensan que non existen fracasos, se non oportunidades das que aprender. De feito, di que se volvese atrás volvería facelo todo da mesma maneira.

Desde pequena ven escoitando que o sector se acaba, que non ten futuro. Pero ela está convencida de que non, de que o que rematan son etapas, pero o sector continuará porque se vai adaptando ás dificultades. Coma agora, na que cre que a palabra clave é diversificación.