LIDIA GONZÁLEZ

Capitana de pesca. O Rosal, Pontevedra.

A sinxeleza e sinceridade de Lidia cando fala da súa profesión non nos fai imaxinar todo o traballo e tenacidade que hai detrás da súa historia.

Namorada do mar e de todo o relacionado con el, comezou a súa relación con este medio cursando estudos de acuicultura. Porén, aconsellada polo seu pai, gardacostas de profesión, que xa debía de ver nela esa capacidade innata para desfrutar do oficio a bordo, a continuación formouse como patroa de pesca.

As prácticas a desenvolver ó rematar esta formación non foi capaz de facelas nun pesqueiro, e tras unha época de busca sen froitos, optou por seguir estudando. Foise ata A Coruña cursar a carreira de Marina Mercante, e xusto cando estaba a rematar coñeceu REDMAR, un proxecto de FUNDAMAR que axudaba a mulleres do sector a embarcarse en barcos de pesca.

Así acabou Lidia como segunda oficial de ponte nun barco de arrastre de Malvinas, cumprindo o seu soño de embarcar nun pesqueiro. Destaca do seu oficio a posibilidade de coñecer xente de diferentes culturas con outras formas de pensar e das que sempre se aprende. Tamén destaca o salario, que para ela é alto en comparación cos que se poden atopar en terra.

Recoñece que é un traballo esixente, pois os salarios percibidos dependen dos beneficios económicos da empresa ó rematar cada período de pesca, e estes dependen das capturas que o barco leve a terra. Ademais, canto antes se remate de pescar antes se pode volver a ver á familia.

Atopar embarque, que che dean esa primeira oportunidade para demostrar o que vales e seguir formándote é a principal dificultade que se atopa calquera cando quere comezar no mundo da pesca. E ser muller non axuda, aínda que xa foi peor, porque seguen a ser poucas e esíxeselles demostrar máis que se fosen homes.

Así e todo, foi capaz de facelo. Embarcou en pesca. E conseguiu ascender ó pouco tempo a primeira oficial  e que os seus superiores a animasen a obter o título de capitana de pesca no Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico en Vigo, que xa está nas súas mans. Está orgullosa, e non é para menos. Para ela o seu principal logro é o de sentirse escoitada e valorada como profesional nun sector moi esixente.

No mar sempre hai situacións de risco, e para ela aprender a xestionalas é de vital importancia. Tamén aprender dos erros e mellorar tódolos días. Esta Brava do Mar fala de insistencia e aprendizaxe coma se fosen a clave de todo.

Albisca un futuro prometedor na pesca para calquera que se queira aventurar neste sector. Está convencida de que as melloras na habilitación e nas condicións de vida a bordo realizadas polas empresas armadoras nos últimos anos seguirán no futuro, e que os salarios farán que esta sexa unha opción laboral atractiva para as futuras xeracións.