MERCEDES GONZÁLES
Fundadora de Rosa de los Vientos. Bueu, Pontevedra.
O sector pesqueiro é moi amplo, e se ben OPROMAR representa ós produtores, outro subsector de vital importancia para Galicia é o da transformación. A este subsector pertence a empresa Rosa de los Vientos, fundada por Mercedes e o seu marido hai algo máis dun cuarto de século, e que se dedica á elaboración de produtos frescos e conxelados, sendo a súa especie estrela o polbo, pero non a única.
Mercedes ten unha historia familiar ligada ó mar e ó polbo dende o século XIX. Seus avós tiñan barcos de pesca e súa avoa secaba e vendía polbo. Seu pai tamén mariñeiro e súa nai redeira, seguiron vivindo do mar e dos seus recursos.
Comezou a traballar con 14 anos na empresa familiar. Conta que cando súas tías abandonaron o negocio herdado, ela non dubidou en facerse cargo. Sempre lle encantou o seu traballo e a independencia económica que este lle outorgaba.
No ano 1991 houbo unha ausencia total de peixe para cebo nas Rías Baixas, e non dubidou en coller o coche e ir buscalo á Coruña para que o seu marido puidese seguir pescando. Ó día seguinte xa tiñan corenta clientes e comezaron co negocio do cebo.
Persoa resolta onde as haxa, di que nunca tivo dificultades para traballar, pero si que ten claro que ser muller implica salarios menores, e loita para que iso non pase na súa empresa, onde ela lidera un grupo de persoas coma se fosen unha gran familia. A proximidade no trato crea un bo ambiente de traballo que permite conseguir o éxito naquilo que se propoñan, pois o traballo en equipo é o seu segredo no día a día.
Perfeccionista ata límites insospeitados, esta Brava do Mar que transmite serenidade ó falar non concibe un traballo que non estea sexa ben feito. Que as cousas saian como tiña planeado é a súa maior satisfacción.
Como muller ten claro que as tarefas na súa empresa poden ser realizadas tanto por homes como por mulleres, pero cre que elas aportan un punto de seguridade e sosego ó día a día, que fai que todo se desenvolva en mellores condicións.
É optimista por natureza, e cando fala de como se internacionalizou a súa empresa di que foi unha casualidade nacida do mal momento do sector no ano 2002 tras o accidente do Prestige. Pero escoitando o relato, unha dáse conta de que non estaba disposta a ver caer todo aquilo polo que loitara e que unha vez máis non dubidou en coller a maleta e ir buscar o produto a onde fixera falla. Neste caso viaxou a Marrocos e Mauritania para mercar polbo, que despois tamén conseguiu exportar debido á falta de produción no resto do sector.
Para Mercedes a pesca atópase actualmente nun punto de inflexión ou cambio, xa que factores coma o cambio climático, a carencia de cotas suficientes, ou a falta de tripulacións, están obrigando ás empresas pesqueiras a adaptarse a novas necesidades que determinarán o seu futuro. E ten claro que a súa empresa depende do seu éxito.