PILAR IGLESIAS
Armadora e Secretaria de OPROMAR. Cidade de Pontevedra.
Detrás de xestos pausados e incluso algo tímidos, Pilar esconde a personalidade forte dunha Brava do Mar. En canto comeza a compartir as súas vivencias no sector da pesca, a súa mirada transmite determinación e seguridade.
Os días de Pilar transcorren como principal xestora da empresa familiar herdada de seu pai, e na cal traballa tamén seu irmán como parte da tripulación do barco que posúen. A tradición pesqueira lévaa nas veas dende ben pequena, cando visitaba os barcos e a lonxa xunto ó seu proxenitor.
Destaca como positivo no seu traballo a flexibilidade de horarios, que lle permite realizar unha conciliación familiar axeitada ós seus intereses persoais.
Ó mesmo tempo recoñece que é un mundo moi esixente, porque a pesar da flexibilidade a dispoñibilidade ten que ser continua, xa que o barco traballa case todo o ano e ante calquera imprevisto ten que estar disposta para dar solución.
Cando conta os seus comezos na pesca, non dubida en recoñecer que tivo que cubrirse cun armazón e demostrar que sabía valerse para que a aceptasen nun mundo moi masculinizado, e está convencida de que para un home ese esforzo tería sido menor, xa que se dá por válido dende o primeiro momento.
Cre que como muller, por educación e cultura, ten unha capacidade resolutiva maior, o que lle permite non obcecarse cos problemas e buscar solucións máis rápidas e cunha visión máis ampla. Nunca deixa que se lle poñan as cousas por diante: bravura pura.
“O traballo en equipo é o pilar da empresa”, así de conciso o declara, sen titubear. É unha cuestión empresarial que sempre deixa clara nas entrevistas de traballo que realiza. Segundo ela, a cooperación é esencial para que todo funcione.
Sen dúbida, o logro que máis valora é seguir no sector, despois de tantos anos ter conseguido que a empresa continúe. Supuxo un gran esforzo e unha actualización continua. Conta con tristura como outras empresas quedaron polo camiño.
Considérase unha muller decidida a mellorar as condicións de traballo da súa tripulación, polo que cando se lle pregunta polo maior risco no que incorreu, resposta que foi o cambio de caladoiro, buscando unha maior proximidade á casa e polo tanto á familia. Foi unha decisión arriscada porque había que adaptalo todo: a operativa en terra e o sistema de pesca a bordo. Pero saíulles ben e agora a súa tripulación pode desfrutar dunha mellor conciliación.
Polo seu rostro cruza unha sombra ó pensar no futuro do sector. Cre que non será factible se non se consegue acadar un relevo xeracional das tripulacións. Percibe que o problema comeza coa infravaloración da profesión, imaxe que se debe cambiar dende o propio sector, visibilizando as melloras conseguidas. Tamén está convencida de que o maior reclamo é o económico, e de que non será posible mellorar salarios se non se regulan os prezos do peixe e se lle dá o valor que debe ter. “Non se pode trasladar o traballo ó prezo, xa que se traballa moito para levalo a terra, e ó final o que máis arrisca é o que menos gaña” relata con certa frustración.