MARÍA REIRIZ

Armadora de OPROMAR e asesora de barcos estranxeiros. Aguiño, A Coruña.

Cando unha se atopa por primeira vez con María pode sentirse intimidada pola seguridade e confianza que transmite. É unha Brava do Mar que se fixo a si mesma.

De familia mariñeira, criouse embebida de salitre e peixe. Dende ben cativa acompañaba a seu pai nas descargas dos barcos de cerco de seu tío, e antes incluso de rematar de estudar xa lle xurdiu a oportunidade de xestionar os barcos ingleses que acababan de mercar os seus familiares.

Co tempo contactárona outras empresas armadoras con barcos ingleses que querían que ela lles xestionase os temas administrativos e legais, xa que ademais de coñecementos de inglés marítimo posuía xa unha ampla experiencia no sistema de pesca inglés e contactos no país anglosaxón. Do mesmo xeito, liderou a creación dunha Organización de Produtores no Reino Unido e traballa na xestión diaria desta.

A súa voz denota emoción e paixón cando fala do sector da pesca. Considérase moi afortunada por coñecer xente de moitos ámbitos e lugares, empaparse do que outros e outras saben, e sobre todo sentirse querida e apreciada polas persoas para as que traballa. Muller dinámica e inqueda, considera que a pesca lle permite desenvolver a súa mente, e máis ca un traballo considérao un relax. Recoñece que hai momentos peores, coma as noites na lonxa tendo que permanecer de pé moitas horas e sen descansar, pero o resto compénsaos.

Por iso non ve a esixencia como tal agora mesmo, pero cando fala dos comezos é diferente. Facerse un oco nun mundo de homes e traballar moitas noites seguidas na descarga foi complicado. Relata xa sen rancor esa época en que tiña que chegar á lonxa da Coruña e enfrontarse a outros traballadores polo espazo para a poxa, onde recibía burlas por ser muller e a desafiaban continuamente. Con todo, é muller brava e ninguén conseguiu arredala do seu camiño.

Considera que a súa maior aportación ó sector foi conseguir que diferentes empresas deste investisen en barcos ingleses. Non por animalos, se non porque viron o negocio que iso supuña.

Segundo as súas palabras “a persoa que non traballa en equipo está abocada ó fracaso”. Convencida do valor das aportacións dos demais, cre que cantas máis mellor e máis asegurado o éxito.

A pesar da seguridade nela mesma que transmite, cústalle recoñecer o seu éxito dentro da pesca. Abraia saber, por exemplo, que foi consultada por avogados do Reino Unido para ser asesora nunha denuncia ó Goberno inglés por unha suma de diñeiro moi cuantiosa.

Cando lle preguntan polos riscos asumidos, di que cometeu moitos erros económicos, facendo investimentos que lle saíron mal, pero que sempre se acorda do que dicía súa tía “vender e mercar, todo é comerciar” e polo tanto non os considera riscos. O risco máis grande para ela foi o atrevemento que sempre tivo que mostrar para loitar polo seu sitio neste sector.

A burocracia, asegura, afoga á pesca. O seu futuro pasa por simplificar e reducir o número de normativas e trámites administrativos. Tamén cre necesario unificar controis, pois a cantidade de inspectores actuais é desmesurada e impracticable. Outro dos hándicap que resalta son as cotas, insuficientes para unha actividade sostible economicamente.