ROSA QUINTANA.

Conselleira do Mar da Xunta de Galicia. Brión, A Coruña.

Sen saber da importancia da pesca para Galiza, Comunidade Autónoma bañada en gran parte polo océano Atlántico e polo mar Cantábrico, non se entendería a existencia dunha Consellería do Mar dentro do Goberno galego.

Rosa é a muller brava que dende 2009 está á fronte do grupo de persoas que conforman a Consellería do Mar. Facendo un símil moi mariñeiro, di que “é fundamental estar todos no mesmo barco e remar na mesma dirección”, destacando así a importancia do traballo en equipo.

Cando unha coñece a Rosa poderíase destacar a seguridade que ten en si mesma e nas ideas que defende, pero tras cruzar con ela unhas palabras aparece unha persoa próxima, con moitas ganas de escoitar e aprender dos demais.

Ó falar de por que elixiu a pesca como profesión, o seus ollos brillan para recordar a súa infancia. Descríbese coma unha nena namorada da natureza, e en especial do mar, razón pola que dende ben nova tivo claro que ía estudar bioloxía mariña.

Séntese afortunada de traballar como conselleira, xa que cre firmemente na defensa do sector do mar, do que dependen milleiros de persoas en Galiza. O seu esforzo diario céntrase en facilitarlle a labor a esas persoas, profesionais do mar que realizan un labor esencial para a economía galega.

Por esta razón, porque milleiros de persoas dependen das decisións que se toman dende a Consellería, resalta a enorme esixencia á que ela e o seu equipo se ven expostos de forma continua. Pero os resultados positivos, polo de agora, supoñen para ela unha razón para seguir avanzando.

A afouteza que se percibe no seu carácter aflora cando fala das dificultades atopadas na súa carreira profesional, sobre todo á hora de defender o sector en Europa, onde outros países non entenden esa dependencia do mar e da pesca que se dá neste recuncho do mundo no que vivimos. Por este motivo sente que o seu labor é fundamental para que a nosa xente do mar avance pouco a pouco cara a un futuro mellor.

Conta que nunca se sentiu discriminada por ser muller dentro da política, e que cre que para acadar o éxito o que conta é a valía e o talento persoal. Con todo, cabe destacar que é bastante recente que as mulleres comezasen a ocupar altos cargos nos gobernos. Rosa é unha desas mulleres, e sen dubidar seus méritos, de seguro que a súa bravura ten moito que ver tamén.

Se se lle pregunta por un logro a destacar na súa etapa como conselleira, non dubida en falar do cambio de mentalidade que percibe nas xentes do sector cara a unha mellora na xestión dos recursos mariños para facelos sostibles cunha visión de futuro. Di que é a clave para garantir un sector forte.

“Vivir é asumir riscos”, declara, e cre que ter aceptado un cargo de tanta responsabilidade coma o seu foi un risco en si mesmo, xa que xestionar o sector, volve incidir, supón que o sustento de milleiros de familias e o bo estado do medio ambiente mariño dependan de ti. Pensa que aprender dos erros cometidos é vital para seguir avanzando, e as súas decisións sempre estiveron ligadas a buscar a mellora continua do sector.

Para finalizar, e co obxectivo claro de que os acertos da súa Consellería serán os acertos do noso mar, destaca que o futuro do mar e da pesca pasa porque se faga realidade o seu mantra favorito: conxunción dos aspectos medioambientais, económicos e sociais. É indubidable, segundo ela, que para que o sector pesqueiro teña porvir é preciso coidar os recursos mariños, pero tamén dos nosos mariñeiros. Así, non ten dúbida ningunha de que o sector ten futuro, ten moito futuro.